Entrega de bolsas de estudo a descendentes de emigrantes

Na entrega das bolsas de estudo a 37 mozos descendentes de emigrantes, promovidas polas consellerías de Emigración e Educación, que contan cun orzamento de 180.000 euros

“Queremos contar coa mocidade do exterior para deseñar un escenario no que seguir medrando”, asegura Manuel Fraga

Afirma que Galicia “está formando aos embaixadores que consolidarán lazos vitais, culturais e intelectuais coa nosa Comunidade”

Lembra que o 66% dos licenciados galegos nos últimos cinco anos xa se incorporou ao mercado laboral, e que 9 de cada 10 fixérono en Galicia

Santiago, 20 de xaneiro de 2005.- “Queremos contar coa mocidade do exterior para deseñar un escenario no que seguir medrando. En vós está a clave do progreso de calquera sociedade, e a xente nova da diáspora ten moito que dicir neste proceso de construción da Galicia do século XXI”. Son palabras do presidente da Xunta na entrega das bolsas de estudo aos 37 mozos descendentes de emigrantes beneficiados polas axudas concedidas conxuntamente polas Consellerías de Emigración e Educación e Ordenación Universitaria, que este ano contaron cun investimento total de preto de 180.000 euros.

Este ano, os estudantes proceden de once países de América Latina e Europa (Arxentina, Brasil, México, Perú, Uruguai, Venezuela, Alemaña, Andorra, Holanda, Liechtenstein e Suíza). Deles, vintecatro matriculáronse na Universidade de Santiago, sete na da Coruña e seis na de Vigo.

Manuel Fraga quixo significar a importancia que teñen estes estudantes para a Comunidade, recoñecéndoos como “parte indispensable do futuro deste país”, ao igual que os seus pais, que marcharon lonxe da terra e foron unha “columna imprescindible” para o desenvolvemento da Galicia “moderna da que hoxe todos gozamos”. Con este acto, dixo Fraga, “Galicia está recibindo moito máis do que dá”, por iso animou a “sacar todo o proveito que ofrece o enorme capital humano” que a historia lle proporcionou á Comunidade en todo o mundo.

EMBAIXADORES DE GALICIA NO MUNDO

O titular da Xunta lembrou que o Goberno galego vén entregando estas bolsas de estudo a descendentes de galegos de xeito ininterrompido desde 1990, porque entende que estes estudantes son “o mellor investimento de futuro para estas terras”.

O mandatario galego referiuse aos cambios experimentados na educación nos últimos tempos, coa intención agora de converxer toda Europa nun punto común, e mencionou o programa Erasmus, que permite que máis dun milleiro de galegos estuden este curso nunha universidade europea, tamén co apoio da Xunta. “Con estes universitarios e con vós -dixo- Galicia está formando aos embaixadores que consolidarán lazos vitais, culturais e intelectuais coa nosa Comunidade”.

Manuel Fraga lembroulles que eles serán “de por vida, os mellores transmisores da nosa realidade no exterior”, e que a eles lles corresponde “manter o valor do patrimonio cultural nidiamente galego”, para que “os sesgos identitarios de Galicia continúen latexando forte e saudablemente máis aló das nosas fronteiras”

AS AXUDAS

Estas axudas teñen como obxectivo facilitarlle a realización de estudos de primeiro, segundo e terceiro ciclo universitario en Galicia a aqueles emigrantes -ou aos seus fillos e netos- que, tendo especiais aptitudes, teñan recursos económicos limitados. Desde que se puxo en marcha esta iniciativa en 1990, apoiouse a formación universitaria de 161 descendentes de galegos. Nesta convocatoria, correspondente ao curso 2004-2005, na que por segunda vez colaboran os departamentos de Educación e de Emigración da Xunta de Galicia, as bolsas suman un total de 179. 700¤.

Deste xeito, búscase impulsar e mellorar as oportunidades de estudar nas universidades da Comunidade Autónoma de Galicia e que os bolseiros poidan formarse no eido cultural e educativo galego, no seo das súas institucións académicas, para desenvolver posteriormente o seu labor profesional tanto en Galicia coma no país de residencia dos seus pais ou avós, á vez que se contribúe a fortalecer as súas raíces galegas.

O 66% DOS LICENCIADOS INCORPORADO AO MERCADO LABORAL

O titular do Executivo galego destacou a “identidade multicultural” dos alumnos que recibiron as credenciais, unha identidade da que agroman os valores “máis desexados” por calquera sociedade moderna: “a capacidade de adaptación, o coñecemento de distintas formas de facer no social e no laboral e o respecto polo futuro”.

O presidente da Xunta non quixo deixar pasar a ocasión de lembrar que hoxe o sistema universitario galego conta con case 80.000 alumnos e permite que haxa máis de 11.000 titulados cada ano, que contribúen á “mellora social e económica” de Galicia. Así, lembrou que un recente estudo (Proxecto de inserción laboral dos titulados polo sistema universitario de Galicia 1996-2001, elaborado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia) indica que o 66% dos licenciados en Galicia nos últimos cinco anos xa se incorporou ao mercado laboral, e que 9 de cada 10 fixérono na propia Comunidade. Fraga destacou a “gran riqueza” que isto supón para o noso país, partindo de que “a mellor formación, mellores resultados económicos”.

Sobre o Autor