Santiago, 2 de outubro de 2005.- O secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez, emprazou aos mozos e mozas galegas da diáspora a integrarse nos proxectos de difusión de galeguidade que promoven os centros galegos, recollendo o testigo para o futuro co obxecto de que “se garanta a pervivencia das comunidades galegas no exterior”. Neste sentido, o responsable de Emigración do Goberno galego indicou que o seu departamento promoverá programas de dinamización xuvenil na diápora destinados a buscar o xeito máis adecuado de garantir a integracións das novas xeracións de galegos, atendendo as particularidades de cada caso concreto.
Diferentes responsables de centros galegos de Holanda e Alemaña cos que se reuniu o secretario xeral de Emigración esta fin de semana trasladáronlle a Rodríguez a súa preocupación polas dificultades que atopan para integrar aos máis novos nas accións que promoven. En resposta a estas demandas, Manuel Luis Rodríguez sinalou que se dedicadán recursos para orientar e formar aos centros nesta tarefa.
Festa da Irmandade
Manuel Luis Rodríguez participou esta fin de semana en dúas celebracións promovidas por asociacións galegas na diáspora. En Rotterdam, acudiu á Festa da Irmandade, que celebraron comunmente, por primeira vez, os dous centros galegos que existen nesta cidade holandesa: a Sociedade Recreativa O Lar Galego e Airiños da Terra. Rodríguez valorou positivamente a celebración de iniciativas comúns por parte de centros que perseguen o mesmo fin, que non é outro que o de manter e preservar a identidade galega no exterior. Neste sentido o secretario xeral de Emigración cualificou os centros galegos na exterior como “verdadeiras embaixadas naturais” de Galicia no mundo, en tanto en cuanto fomentan o coñcemento da realidade galega entre a colectividade na que se asentan e permiten a internalización dos valores galegos.
Espazo de interculturalidade
Rodríguez apostou ademias por impulsar as sinerxias que se producen en lugares nos que se mesturan comunidades de inmigrantes, como é o caso de Rotterdam, para a consecución dun espazo de interculturalidade, dinámico e vivo, do que se poidan beneficiar todas as partes.
Día de Galicia en Bonn
Desde Rotterdam o secretario xeral de Emigración desplazouse a Bonn para participar no Día de Galicia nesta cidade alemana, promovido pola Coordinadora Federal das Asociacións galegas en Alemania (Cofedasga). Rodríguez reuniuse con representantes desta asociación, atendendo ás súas peticións e comprometeuse a establecer as canles necesarias para satisfacelas. Tras o encontro Manuel Luis Rodríguez destacou a importante labor desta coordinadora que integra a 11 sociedades galegas de Alemaña pola súa organización e pola súa preocupación constante por promover actos e difusión da cultura galega en diferentes enclaves do país.
Durante o decurso do acto, a coordinadora das asociacións galegas de Alemañna entregou medallas de recoñecemento ao labor desenvolvido por varios asesores xurídicos, laborais e asistentes sociais en beneficio da colectividade galega inmigrante no país. O acto contou coa participación de Julián Aguirre Muñóz de Morales, conselleiro de Traballo e Asuntos Sociais de Berlín.

