Inauguración de un busto de Rosalía de Castro en Mollet del Vallés

  • A escultura está ubicada na Praza de Padrón, que leva este nome en recoñecemento á comunidade galega que reside na vila
  • Manuel Rodríguez cualificou de “imprescindible” o labor dos centros para a cohesión dos galegos no exterior
  • Santiago, 16 de outubro de 2005.- O Secretario Xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, participou hoxe, en representación do presidente da Xunta, na inauguración dun busto de Rosalía de Castro, doado polo Goberno galego á Irmandade A Nosa Galiza da localidade catalá de Mollet del Vallés.

    No decurso do acto, Manuel Rodríguez loubou o labor dos centros galegos “por ser imprescindible para a cohesión dos galegos no exterior e para a súa participación na vida social, cultural e política de Galicia”. Ademais, o secretario xeral lembroulles aos integrantes da Irmandade A Nosa Galiza que “contan co apoio do Goberno galego” para continuar e revitalizar o traballo que veñen desenvolvendo desde hai máis de 30 anos.

    No acto de inauguración da escultura, situada na Praza de Padrón da localidade, participaron ademais o alcalde de Vedra, Odón Cobas, así como o alcalde de Mollet, Josep Monrás, o director do Centro de Cultura Popular da Generalitat de Cataluña, Ferran Vello e o presidente da Federación Gallega en Cataluña, Ernesto Lagaron. Ao remate do acto, o secretario xeral entregou os diplomas aos participantes nos cursos de galego de iniciación e perfeccionamento que imparte a asociación na súa sede.

    A Irmandade A Nosa Galiza de Mollet del Vallés naceu no ano 1978 da man dun grupo de galegos que chegaron á vila entre os anos 60 e 70 do pasado século. Presidido por Isabel Ares, este centro promove diferentes actos culturais, orientados a difundir a cultura galega na súa área de influencia. Ao longo do ano esta asociación, que dispón dun local social en Mollet, convoca aos seus integrantes a actividades como concursos de debuxo e poesía, saídas culturais, cursos de galego e manualidades, ademais de celebrar festividades como o Día de Santiago, a festas do Nadal, ou o tradicional magosto.

    O centro, que ten recoñecida a galeguidade desde o ano 1987, conta cun espacio na radio local, chamado Galicia no Vallés, así como cun grupo de danzas, banda de gaitas e coral. Precisamente, estes grupos foron os encargados de amenizar o acto.

    Sobre o Autor