Santiago, 21 de novembro de 2005.- O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, anunciou, no seu compromiso por levar “a luz, a transparencia, e obxectividade e a igualdade” ao seu departamento, a publicación no Diario Oficial de Galicia de cada unha das resolucións de concesión de subvencións que se resolvan dende Emigración. Nunha comparecencia parlamentaria na que deu conta das liñas que desenvolverá ao longo da VII Lexislatura, ponderou que cada programa, cada subvención á que se teña dereito, cada medida que se arbitre “estará fiscalizada pola luz, os taquígrafos e o Parlamento. As políticas oscurantistas pasaron á historia. A luz chegou ao Goberno”. Porque un goberno é eficaz cando acada os seus obxectivos pero tamén cando actúa con nitidez e habilita un modelo de relación entre administración e cidadán no que queda recollido o principio de igualdade.
A transparencia da que se quere dotar aos programas, acompañarase asemade dunha revisión da concesión das axudas, pois estúdase incrementar a súa contía para atender os casos máis urxentes. Ante a previsión de ampliación, por parte do Estado, do número de persoas susceptibles de recibir prestacións na emigración, o Goberno galego poderá actuar sobre as situacións de precariedade “con maior dedicación e capacidade de manobra”.
Unha prioridade como garantir a cobertura sociosanitaria de todos os emigrantes galegos, xamais debe anular unha necesidade. Así, a Secretaría de Emigración arbitrará, ademais de políticas asistenciais, políticas formativas, laborais, educativas e culturais que beneficien aos cidadáns con menor poder adquisitivo, fomentando a mellor publicidade posible dos programas.
Lei de Galeguidade
Asemade, Manuel Luís Rodríguez subliñou, ante os cambios rexistrados na realidade da emigración, a conveniencia de revisar a Lei de Galeguidade, que entre outros aspectos establece as condicións necesarias para recibir axudas públicas. A Lei, que constituíu “un instrumento útil e meritorio” para articular a relación de Galicia coas súas comunidades no exterior, hoxe foi superada polos novos contextos migratorios. No horizonte desta lexislatura, pois, iniciarase un estudo profundo, con Nova imaxe de Galicia.
O periplo dos próximos catro anos, segundo o secretario xeral, esixirán afrontar a renovación da imaxe que Galicia proxecta de si mesma no exterior. A Secretaría empeñará os seus medios e esforzos en trasladar do país “a idiosincrasia moderna, plural, emprendedora, dinámica e creativa que de feito ten. A Galicia rancia e anacrónica que se reflicte aínda en moitos espazos”, e que nos últimos anos non se combateu seriamente, “ten que ser superada pola esquerda, pola dereita e por arriba”. As comunidades galegas no exterior, as institucións e asociacións nas que se agrupan, os países incluso que acollen á galeguidade, teñen dereito a coñecer a Galicia real.
Traballar por unha nova imaxe do país implicará crear novos lazos e empregar outros xeitos de comunicarse. Nese senso, a xuventude da diáspora configúrase como un “elemento de enganche” a coidar, entre o país e os seus cidadáns no exterior. Paralelamente, as novas tecnoloxías configúranse como unha ferramenta útil e eficaz, primeiro porque “liman distancias que antes eran insalvables, e segundo porque se configuran como un instrumento capaz de facilitar a inserción social e laboral dos nosos galegos se desde aquí contribuímos a informar, formar e transferir os coñecementos axeitados. Propoñémonos abrir novas vías formativas no eido da sociedade do coñecemento que impulsen liñas de acción catalizadoras de novos proxectos que permitan fidelizar segmentos de usuarios máis xoves”.
Plan Galego de Inmigración
Ante os retos constantes que lanza á sociedade o fenómeno migratorio, a Secretaría asume que a repercusión cada vez maior no noso país da inmigración demanda un tratamento especial. “A Galicia pola que avogamos”, sinalou Manuel Luís Rodríguez, “desexa ofrecer aos inmigrantes que chegan e queren chegar, perspectivas de asentamento e de inserción social, perspectivas económicas, perspectivas individuais e perspectivas colectivas”. Iso significa que sen descoidar a acollida e a asistencia, hai que activar unha política de asentamento, de educación, de inserción laboral, de vivenda, de urbanismo, de sanidade e de asistencia social.
A Secretaría, no recoñecemento ao papel imprescindible que xogan as entidades locais na atención aos inmigrantes, creará unha distinción en 2006 que recoñeza a labor de excelencia dun axente local, asociativo ou empresarial á hora de executar a iniciativa máis innovadora e eficaz na integración do colectivo inmigrante na sociedade do país. O obxectivo último do galardón é a extensión das boas prácticas.
O secretario xeral concretou o incremento de prazas de acollida para emigrantes retornados e inmigrantes “como mínimo nun 50%”. Actualmente son 200 o número de prazas que oferta Emigración.
O obxectivo máis ambicioso, no eido da inmigración, que se pretende acadar nesta lexislatura é a elaboración dun Plan Galego da Inmigración que contemple unha actuación integral que garanta a xustiza social e o respecto á dignidade, que habilite a normalización a través da sensibilización, e que facilite a integración social.
Consello Galego da Inmigración
A transversalidade da política inmigratoria recomenda, asemade, dispor dun instrumento que coordine elementos de acción política moi heteroxéneos. Esa necesidade xustifica o anuncio que Manuel Luís Rodríguez fixo o pasado día 18 de novembro, en relación á creación do Consello Galego da Inmigración. Este órgano debe articular, coordinar e propoñer políticas transversais, tendo sempre en conta a voz do tecido asociativo inmigrante e as contribucións do Observatorio Galego da Inmigración, amplas consultas, que potencia o actual marco, como paso previo a calquera reforma.

