Santiago, 18 de decembro de 2005.- A Secretaría Xeral de Emigración emprenderá con carácter inmediato accións legais encamiñadas a aclarar os criterios de reparto que nos últimos anos se ten feito dende a Federación de Sociedades Gallegas en Cuba das axudas públicas para a adquisición de produtos de Nadal. O departamento de Emigración acusa recibo, dende a toma de posesión do novo Goberno, de varias denuncias sobre un reparto discrecional e arbitrario da axuda pública por parte da dirección da Federación, ao fronte da cal se atopa Antonio Cougil Fernández, persoa que compatibiliza a coordinación dos programas sociais da Xunta de Galicia en Cuba coa delegación do Partido Popular en A Habana.
Numerosas institucións galegas en Cuba, agrupadas na Federación de Sociedades Gallegas deste país, dirixíronse nas últimas semanas a título individual á Secretaría Xeral de Emigración para poñer en coñecemento da administración o “favoritismo” e a “arbitrariedade” coa que se executa o reparto das axudas extraordinarias de Nadal, responsabilidade que no pasado a Xunta deixou en mans de Antonio Cougil.
Ante o coñecemento da nova situación, a Secretaría Xeral de Emigración considera inevitable a realización dunha auditoría que asumindo o principio de transparencia co que quere actuar o novo Goberno galego, revise os criterios de reparto de axudas e se este reparto garantiu que son os máis necesitados os que as reciben.
O departamento de Emigración dirixiuse en pasadas datas aos responsables da Federación de Sociedades Gallegas en Cuba para aclarar que o programa extraordinario de axudas para o Nadal de 2005 sería obxecto dun aprazamento motivado pola descapitalización que o anterior Goberno fixo da Fundación Galicia Emigración, que destinou a outros capítulos o orzamento consignado para os galegos de Cuba.
A fin de reparar a situación de desamparo creada pola irresponsabilidade dos anteriores gobernantes, e coa fin de tranquilizar aos galegos residentes en Cuba, o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, visitará na primeira quincena de xaneiro o país caribeño para poñer en coñecemento da colectividade galega o programa alternativo de axudas no que xa está traballando Emigración, que desexa que se visualice que calquera axuda que se cursa desde a Xunta responde á solidariedade da Galicia territorial coa Galicia da diáspora e non a unha obra de caridade.
A Secretaría ten claro que en adiante as partidas que tradicionalmente se envían a Cuba por Nadal non poden representar un aguinaldo ou un regalo, senón unha aposta pola normalización das axudas como un dereito máis dos galegos residentes na emigración e que están nunha situación de necesidade.

