Bos Aires, 12 de marzo de 2006.- O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, tivo onte a ocasión de manter un encontro con máis de 200 representantes do mundo cultural, social e artístico de Arxentina, no transcurso da presentación neste país da exposición 25 anos de Estatuto de Autonomía. O Centro Galicia de Bos Aires converteuse desde onte o escenario desta mostra, á que acudiron recoñecidos intelectuais de Arxentina dos ámbitos do teatro, investigación universitaria, arquitectura, medicina, literatura, xornalismo e arte. Ante todos eles Emilio Pérez Touriño agradeceu a acollida que no seu día Arxentina brindou aos emigrantes galegos e aos exiliados. Ao activo traballo a prol de Galicia que os emigrantes galegos puideron facer dende o exterior atribúe Pérez Touriño “a pegada indeleble na formación da identidade de Galicia como país”.
O presidente galego destacou que “feitos tan memorables e imborrables coma o noso himno ou a nosa bandeira foron decididos dende o exterior, motivo polo que a emigración, e Arxentina de forma moi especial, debemos a nosa identidade como país”.
Pérez Touriño resaltou o papel da emigración en feitos históricos coma a redacción do vixente Estatuto de Autonomía de Galicia, proceso que considera exemplificador. Cualificou os Pactos do Hostal, que se acadaron daquela como “exemplo de capacidade de negociación e de búsqueda de consenso”. “Exemplo de responsabilidade política e democrática dos partidos políticos e tamén dos intelectuais, que se uniron á causa”, precisou. Puxo como exemplo a inxente labor á prol do autogoberno galego de figuras literarias como Eduardo Blancoamor ou Rafael Dieste, activos colaboradores dende a emigración.
Neste sentido, o presidente galego manifestou o seu convencemento de que a reforma estatutaria que está a piques de comezar en Galicia “vai ser consensuada e democrática”, mediante “o diálogo permanente”, dado que constitúe, ao seu xuízo, “a única fórmula”.
A intervención do presidente da Xunta foi precedida por un discurso pronunciado polo presidente do Centro Galicia de Bos Aires, Héctor Fernández, quen deu ao presidente “infinitas gracias” pola súa visita e pola organización da mostra nesta institución. Ao acto tamén asistiron o conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio, e a conselleira de Sanidade, María José Rubio.
Concerto dedicado aos españois
Tras a inauguración da mostra no Centro Galicia, o presidente da Xunta presenciou ao aire libre un concerto a cargo de Luar na Lubre e o popular intérprete arxentino Kevin Johansen. Máis de 5.000 persoas se congregaron nos extensos xardíns achegados ao Monumento a los Españoles para ver a actuación do grupo galego.

