Santiago, 20 de abril de 2006.- O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, iniciará en breve unha rolda de reunións cos representantes da política de emigración dos gobernos autonómicos de Andalucía, Asturias e Canarias, comunidades que contan, ao igual que Galicia, cunha significativa colectividade cidadá no exterior. O primeiro encontro terá lugar a vindeira semana co viceconselleiro de Emigración de Canarias, Efraín Medina Hernández, aproveitando a presenza de Manuel Luís Rodríguez en Tenerife co gallo da celebración do Consello Xeral da Emigración.
A iniciativa impulsada pola Secretaría Xeral de Emigración, que terá continuidade en vindeiras datas co resto de responsables do ramo, pretende propiciar unha análise das reformas nas leis autonómicas que regulan os dereitos e deberes da cidadanía no exterior, as que se teñen producido recentemente, e as que está en previsión modificar. É o caso, por exemplo, de Asturias, pero sobre todo de Galicia, que no presente ano someterá a revisión da Lei de Galeguidade.
O obxectivo do Goberno galego é xerar un espazo para o debate o máis amplo e enriquecedor posible de cara a reformar a Lei de Galeguidade vinte e tres anos despois de ser aprobada, en tanto que nese tempo a realidade social e cultural de Galicia e súa emigración mudaron e imponse a necesidade de introducir cambios que adapten as comunidades do exterior ás que se lle recoñece a galeguidade ao novo escenario sociocultural do país.
Nese senso, a Secretaría Xeral xulga que coñecer de preto as experiencias de Asturias, en tanto comunidade que modificou en 1999 a Lei de Asturianía e que afronta actualmente un novo proceso de cambios, e Andalucía, que recentemente aprobou a Lei Reguladora do Estatuto dos andaluces no mundo, pode contribuír a ensanchar a perspectiva coa que encarar en Galicia os cambios nun texto que despois de máis de dúas décadas demanda melloras.
Contacto cos grupos parlamentarios
Os encontros cos diferentes responsables da política de emigración autonómica que manterá Manuel Luís Rodríguez non pretenden ser máis que unha fase na rolda de contactos que a Secretaría Xeral vai impulsar de cara a acadar unha reforma da Lei de Galeguidade o máis consensuada posible. De feito, tamén en breves datas o titular da política de emigración do Goberno galego convocará aos representantes dos grupos parlamentarios a unha primeira reunión para escoitar as propostas que os respectivos partidos con representación na Cámara galega desexan facer no proceso de reforma.

