Santiago, 4 de maio de 2006.- Os cidadáns galegos residentes no exterior comezarán a dispor dende o presente ano dunha atención sanitaria máis eficiente ao facerse efectiva a transferencia de tecnoloxía de diagnóstico por imaxe aos centros sanitarios de referencia para a emigración galega. O Goberno galego considera que esta iniciativa repercutirá decisivamente na eficiencia da atención ao paciente ao introducir criterios de calidade nas prestacións e na atención sanitaria.
A dispoñibilidade, ao longo de 2006, de instrumentos técnicos avanzados en diagnóstico por imaxe suporá a modernización e optimización das tarefas profesionais en calquera disciplina sanitaria, permitindo unha práctica e un servizo de maior calidade nos procesos sanitarios. A Fundación Galicia Emigración ten xa, no momento actual, elaborado un mapa de centros sociosanitarios de Iberoamérica que poderían recibir unha tecnoloxía da que por agora carecen e ver renovada vella os centros que xa contan con ela.
O mapa, que recolle un total de 32 entidades no exterior susceptibles de recibir tecnoloxía, está complementado cunha a análise de necesidades dos centros sociosanitarios, e cunha valoración dos constes de transferencia, instalación e mantemento. Arxentina con 11 entidades, Brasil e Venezuela con 5, e Cuba e Uruguai con 4, serían os países en condicións de recibir tecnoloxía en máis centros. O mapa completaríase con México, Guatemala e Ecuador, onde existiría un centro por país en condicións de acoller tecnoloxía de diagnose.
Scaners, máquinas de raios, ecógrafos e mamógrafos
A transferencia de tecnoloxía, que incluirá scaners, máquinas de raios, ecógrafos e mamógrafos, terá lugar a través de envíos paulatinos, a medida que quede liberada a tecnoloxía nos hospitais galegos da rede pública. A fin de que a transferencia teña lugar nas mellores condicións e sirva á fin coa que se executa, os equipos técnicos que se remitan á Galicia exterior necesariamente deberán ter unha vida de uso media superior aos cinco anos, e os custes de instalación e mantemento deberán resultar asumible economicamente para os centros sociosanitarios.
A iniciativa de transferir os equipos técnicos, que parte dos departamentos de Sanidade e Emigración do Executivo galego e conta coa colaboración de empresas do sector de alta tecnoloxía, ten como obxectivo contribuír a mellorar as condicións sociosanitarias da poboación galega cunha cobertura asistencial máis deficiente. Razón pola cal a intención do Goberno galego é remitir no primeiro envío un mamógrafo e un aparato de raios á Irmandade Galega de Caracas, por ser Venezuela un dos países de acollida cuxa atención sociosanitaria é máis susceptibles de ser optimizada.

