Emigración amplia a 310 os galegos no exterior que regresarán a Galicia en xuño

  • Acolléndose ao programa “Volver a casa”, ao que agora se aplica maior transparencia.
  • O número de beneficiarios increméntase nun 20% e o orzamento destinado ao programa un 25%
  • A Secretaría Xeral de Emigración introduce cambios na xestión do proceso de selección de beneficiarios para introducir a máxima obxectividade
  • Os cidadáns de orixe galega seleccionados proceden de Arxentina, Uruguai, Venezuela, Cuba e Brasil
  • Santiago, 25 de maio de 2006.- A Secretaría Xeral de Emigración ampliou nun 20% os beneficiarios do programa “Volver a casa”, que no mes de xuño permitirá a 310 galegos e galegas residentes no exterior regresar a Galicia, en moitos casos, sesenta anos despois de abandonala. O programa, que contará cun orzamento de 137.950 euros, é dicir, un 24% máis que no 2005, introduciu na convocatoria do presente ano cambios que permitiron rachar coa endogamia doutras épocas e democratizar o proceso de selección de beneficiarios que retornan ao país para pasar unhas vacacións coas súas familias.

    Nesta ocasión, de feito, foi por primeira vez a Secretaría Xeral de Emigración a responsable de supervisar os expedientes en todos os seus trámites, dende a convocatoria e a publicidade da mesma, ata a resolución das solicitudes, coa fin última de acadar un proceso máis obxectivo e transparente, e un tratamento unificado dos criterios de selección, que permita que se beneficien do programa “Volver a casa” aqueles galegos que máis tempo levan fóra de Galicia.

    O departamento de Emigración do Goberno galego, que acaba de publicar a través da súa páxina web galiciaaberta.com o listado dos cidadáns galegos residentes no exterior seleccionados, pretende a partir do programa “Volver a casa” facilitar que os galegos residentes no exterior, e máis concretamente en Iberoamérica, tomen contacto coa realidade actual de Galicia, propiciando, asemade, actividades que posibiliten o coñecemento e intercambio de experiencias con familias coas que se reencontrarán despois de moitos anos.

    Galegos residentes en cinco países

    O programa concede axudas por valor do 60% da pasaxe entre os países de residencia e Santiago de Compostela, agás no caso de Cuba, no que a axuda ascenderá ata un 80% por mor da situación económica pola que pasa a comunidade galega asentada no país caribeño. Á súa chegada, que terá lugar na segunda quincena de xuño, pasarán unhas vacacións coas súas familias ata completar un período máximo de tres meses.

    A distribución por países dos participantes, a día de hoxe, reserva 166 prazas a aos galegos de Arxentina, 89 aos de Uruguai, 22 aos de Venezuela, 18 aos de Cuba e 15 aos de Brasil.

    Sobre o Autor