Os familiares de galegos desparecidos ou falecidos nas ditaduras de Arxentina e Chile, beneficiaranse por primeira vez das axudas individuais da Secretaría de Emigración
O orzamento do programa, destinado a emigrantes de orixe galega en situación de precariedade económica, supera o millón de euros.
As axudas, únicas, directas e de carácter social, ata agora de 300 euros, pasa a oscilar entre os 350 como mínimo e os 700 euros como máximo.
Santiago, 27 de xullo de 2006.
A Secretaría Xeral de Emigración vén de convocar un programa de axudas económicas individuais, de carácter social, dirixidas a emigrantes de orixe galega que se atopen en situación de precariedade. Destinadas a cubrir as necesidades básicas de subsistencia e a atención sociosanitaria, estas axudas destinaranse aos residentes en países iberoamericanos, debido á súa situación actual e á da comunidade galega alí residente, aínda que poden ser atendidos os casos de especial e de grave necesidade sen distinción en canto ao lugar de residencia sempre que esta sexa no estranxeiro.
Entre os beneficiarios das axudas, cuxo prazo de para acollerse a elas está xa aberto, ademais das persoas de orixe galega que acrediten pasar por unha situación de precariedade económica, inclúese por primeira vez aos cónxuxes viúvos, pais, nais ou orfos de emigrantes de orixe galega que desaparecesen ou falecesen como consecuencia das ditaduras militares de Arxentina e Chile.
A contía das axudas, que serán únicas, directas e de carácter social, pasa de ser de 300 euros, a poder oscilar entre os 350 euros como mínimo e os 700 euros como máximo, dependendo do grao de necesidade dos beneficiarios. No vindeiro ano, o máximo incrementarase ata os 900 euros. A Secretaría Xeral de Emigración, que levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento do programa, incrementa o orzamento total nun 10% respecto da anterior convocatoria, ata acadar o 1.064.800 euros.
Modalidades de axudas
A nova política de atención e protección aos galegos residentes no exterior coa fin de garantir un mínimo social digno e o servizo de dereitos en termos de igualdade cos cidadáns residentes en Galicia, superando o tradicional concepto de emigración, é no contexto no que se enmarca a resolución (publicada no D.O.G. do 26 de xullo) da convocatoria de axudas económicas individuais.
Axudas que adquiren as seguintes modalidades:
por invalidez ou enfermidade permanente, para paliar unha situación de paro xeneralizado na unidade familiar, para cobertura de medicamentos para enfermidades crónicas ou graves cando teñan un custo elevado, por situación de dependencia e para casos de afectación da necesidade básica de vivenda.

