Cultura conservará, catalogará os cadros e esculturas do Centro Galego Bos Aires

A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, asinou co presidente do Instituto Arxentino da Cultura Galega, Fernando Méndez, un protocolo de colaboración para conservar e catalogar o patrimonio do Centro Galego de Bos Aires.

Trátase de 130 obras de pintores galegos como Soutomaior, Laxeiro, Seoane, Colmeiro, Castelao ou Díaz Pardo, ademais de varias esculturas.

Ademais, en virtude do mesmo acordo, a Consellaría financiará “actividades de estudo e difusión do patrimonio moble e documental”, xunto coa edición de publicacións de carácter científico, cultural, educativo e divulgativo relacionadas co patrimonio cultural. Posteriormente, Bugallo asistiu a unha xuntanza de músicos galegos e, para rematar o día, o Centro Galego agasallou á delegación da Consellaría cun acto no Teatro Castelao que contou con diversas actuacións folclóricas.

Ánxela Bugallo tamén visitou o Colexio Santiago Apóstol e asistiu á reunión do Padroado da Fundación Galicia América, institución que xestiona esta escola, da que é presidenta. Estivo, asemade, nas instalacións do Centro Galicia de Buenos Aires

Hoxe a conselleira reúnese co presidente do Instituto Nacional do Cine Arxentino (INCAA), Jorge Álvarez, e coa xunta directiva da Asociación de Productores de Cine Arxentino. Ademais, visitará o Museo da Emigración Galega de Arxentina (MEGA) e inaugurará a exposición “Galegos na diáspora” do fotoxornalista Delmi Álvarez na Federación de Sociedades Galegas.

Ás 20 horas (horario arxentino) terá lugar un acto no Teatro Bambalinas, cunha actuación do actor e humorista Carlos Blanco e da cantante Pilocha, acompañada dun trío de jazz.

Sobre o Autor