Manuel Luís Rodríguez avanzará as accións para mellorar a rede de centros galegos no exterior. O responsable do departamento de Emigración participará no décimo aniversario do espazo sociocultural do Centro Galego de Bruxelas.
O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, reúnese esta fin de semana coa colectividade galega en Bélxica, así como cos representantes das entidades galegas máis significativas de Bruxelas, como son o Centro Galego e a Casa de Galicia.
O responsable do departamento de Emigración, que viaxa co propósito de mellorar e intensificar no vindeiro ano a colaboración do Goberno autonómico cos centros, avanzará no seu encontro coas directivas das entidades as principais actuacións do Goberno galego para mellorar a rede de centros galegos no exterior, ponderando o feito de que ao longo do próximo exercicio desenvolverase un estudo de diagnóstico e catalogación das entidades coa fin de determinar cales destes centros poden ser considerados Bens de Interese Cultural.
A xuntanza facilitará asemade abordar o estudo da programación que dende a Secretaría Xeral se impulsará nas entidades galegas sitas en Bruxelas, así como para facer unha exhaustiva análise das propostas e necesidades que os centros e os galegos e galegas residentes no país formulan ao departamento de Emigración da Xunta de Galicia.
Manuel Luís Rodríguez aproveitará a sesión de traballo para facer un percorrido polas accións políticas impulsadas dende a Xunta nos últimos meses de cara a consolidar o estado do benestar na emigración e a fortalecer o marco de dereitos dos cidadáns galegos residentes no exterior. O alcance do Plan Estratéxico de Emigración 2006-2009, facendo fincapé nas novas políticas dirixidas á xuventude, e en especial no eido educativo constituirá un dos temas sobre o que o secretario xeral de Emigración informará aos galegos afincados en Bélxica.
O secretario de Emigración terá ocasión de sinalar, no tocante á potenciación de programacións nos eidos formativo e cultural, o impulso da formación on line, con especial incidencia na formación en lingua galega e na axuda á integración social e laboral para aqueles que deciden retornar a Galicia.
Manuel Luís Rodríguez participará, por outra parte, nos actos do décimo aniversario do espazo sociocultural do Centro Galego de Bruxelas, que incluirán concertos e exposicións de pintura. A conmemoración contará tamén coa presenza da embaixadora de España en Bélxica, María Victoria Morera, e do presidente da Rexión de Bruxelles Capitale, Charles Picqué.

