Consello Galego da Inmigración estará en disposicón de celebrar a reunión.

O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, afirmou hoxe durante a clausura do Máster Inmigración e Retorno, da Universidade de Vigo, que o Consello Galego da Inmigración, actualmente en proceso de designación dos vogais, estará en disposición de celebrar a súa primeira reunión durante o vindeiro mes de xaneiro. O Consello, que ten como obxectivos fundamentais servir de canle de participación e diálogo, recoller as aspiracións e demandas da poboación inmigrante e dos diferentes actores sociais das que se derivarán respostas tendentes a promover a súa integración, informar e asesorar na planificación das actuacións en materia de inmigración, avaliará tamén o Plan Galego da Inmigración 2007-2010, hoxe en estado de redacción.

Entre os obxectivos do Plan atópanse a información, orientación e asesoramento xurídico; a promoción da mediación intercultural; a adecuación da atención sanitaria á poboación inmigrante; a resposta ás necesidades de vivenda dos inmigrantes en situación de vulnerabilidade prevendo a segregación espacial; o impulso da convivencia intercultural nos centros de ensino; a promoción das capacidades emprendedoras; o fomento da participación cidadá; a promoción das iniciativas de axuda ao desenvolvemento, ou a garantía da consideración da perspectiva de xénero, entre outros.

Rodríguez sinalou, asemade, que para abordar o fenómeno migratorio cómpre marcar liñas de consenso básicas que eviten o alarmismo e a criminalización. Concellos, deputacións, asociacións, colectivos e goberno autonómico deben camiñar xuntos cara a meta da plena integración dos inmigrantes na sociedade de acollida, e tendo presente tamén que os galegos que retornan necesitan contar con mecanismos que lles permitan integrarse do modo máis normalizado posible. Galicia está ante dúas realidades distintas pero que parten dunha mesma motivación e que procuran unha mesma meta: acadar a plena cidadanía.

Galicia debe comprender que a diversidade cultural ten efectos transformadores na sociedade de acollida. O recoñecemento da interculturalidade como un elemento estrutural e transformador da sociedade galega implica a xeración de actitudes e comportamentos baseados na empatía e na comprensión mutua. Todo isto supón, seguindo as verbas de Manuel Luís Rodríguez, que as políticas migratorias do Goberno galego teñen que partir do respecto, o recoñecemento, a garantía e a extensión progresiva dos dereitos humanos, como principios fundamentais que teñen que dirixir os procesos de acomodación da poboación inmigrante na sociedade galega.

Superar o paternalismo
A inmigración e o retorno representan, segundo afirmou o secretario xeral, unha oportunidade e non unha ameaza. En Galicia caben todos aqueles que queiran ser galegos e respectar os dereitos e deberes dos cidadáns galegos. O país non está en disposición de desperdiciar a oportunidade que representa un capital humano en idade laboral e formado para o desenvolvemento.

A Secretaría Xeral de Emigración está a dar un salto cualitativo no enfoque da política social tanto en emigración como en inmigración, ao quedar atrás a vocación asistencial e paternalista, e buscar a integración das persoas migrantes a través do deseño e planificación de políticas integrais e transversais en materia de inmigración e retorno, onde a coordinación e vertebración con tódolos organismos das diferentes administracións permita a unificación de criterios na posta en marcha de programas e medidas concretas.

Liñas estratéxicas da política de inmigración
Rodríguez resumiu en catro as liñas estratéxicas da política inmigratoria do Goberno galego. En primeiro lugar a coordinación co movemento asociativo e coas administracións locais para levar a cabo políticas baseadas na eficacia e na calidade. En segundo termo a mediación como ferramenta para normalizar o acceso e uso dos servizos públicos dos inmigrantes en igualdade de condicións. Garantir a integridade e a dignidade da poboación migrante, derivando recursos cara a acollida, a integración e o reforzo educativo, define a terceira liña de acción. Por último, destacou a importancia de sensibilizar á sociedade de acollida a respecto da inmigración.

Sobre o Autor