A Comisión Delegada acorda novas fórmulas para garantir a viabilidade

A Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas no exterior, presidida polo secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, puxo hoxe fin á súa reunión anual incluíndo entre as súas conclusións o impulso de novas fórmulas e accións tendentes a garantir no futuro a viabilidade dos centros galegos na emigración como espazos asociativos autosostibles capaces de dar resposta ás novas necesidades da cidadanía.
Baixo ese obxectivo, a Secretaría Xeral de Emigración impulsará ao longo dos anos 2008 e 2009 unha actuación integral destinada aos centros, na que as liñas de axuda sexan perfiladas en base á finalidade específica de cada centro, o número de socios, a área xeográfica, o número de residentes galegos na mesma, ou o dinamismo das actividades culturais e sociais, entre outros elementos. Preténdese que a viabilidade das entidades no futuro se acade tamén en base a actuacións estruturais.

O departamento de Emigración asume que ademais de impulsar o debate que poña ao asociacionismo galego no exterior na mellor posición para afrontar os retos, debe tamén dar apoio para afrontar os novos rumbos que permitan dar solución ás novas demandas e aos novos escenarios cara os que xa ten evolucionado a cidadanía galega no exterior. No presente ano destináronse máis de 5 millóns de euros a programas para centros e comunidades galegas, e o obxectivo en 2008 será que ese orzamento se incremente buscando satisfacer as demandas das entidades, sempre que a partir de agora estas teñan impacto no conxunto de cidadáns galegos, independentemente de que estean adscritos formalmente aos centros. Para iso priorizaranse as accións abertas que teñan como beneficiarios a todos os cidadáns sobre as que teñan como beneficiarios só aos socios das entidades.
A próxima apertura da Delegación da Xunta en Bos Aires (Arxentina) considérase un paso decisivo de cara a marcar camiño a seguir por moitas entidades para aumentar a eficacia e sobre todo a universalización das accións, en especial as de carácter formativo e social.

O papel da xuventude e as mulleres
A Comisión Delegada asumiu nas súas conclusións que a viabilidade no futuro do actual tecido asociativo só quedará garantida se se está en disposición de orientar a súa xestión, de xeito que se impulsen novas fórmulas de participación, que se fomenten iniciativas capaces de atraer á cidadanía máis nova, que as actividades resulten atractivas, eficaces e dinámicas, que todos os sectores (e en especial mozos e mulleres) se sintan partícipes dos proxectos, que se fomente o uso das novas tecnoloxías, e que se promova a marca e a imaxe de Galicia no mundo.

Lei de Galeguidade
A Comisión Delegada acordou asemade que nos vindeiros días os seus membros, reunidos previamente coas entidades ás que representan, fagan chegar as súas propostas ao borrador do proxecto lexislativo da nova Lei da Galeguidade. Esta, entre as súas novidades, incluirá a creación do Consello da Galicia Exterior, órgano deliberante e de participación dos galegos e galegas no exterior e das comunidades galegas, de asesoramento e consulta, que superará o actual Consello de Comunidades Galegas, ao corrixir decisivamente o peso democrático da súa representatividade, que será ampliada das comunidades, ás comunidades pero tamén aos cidadáns, e ás asociacións e federacións de emigrantes retornados.
A nova Lei da Galeguidade propiciará un salto cualitativo de especial relevancia, ao pasar de regular a relación de Galicia coas comunidades galegas no exterior, a regular tamén a relación de Galicia cos cidadáns, como suxeitos individuais posuidores de dereitos que, grazas á nova lei, quedarán garantidos lexislativamente. De feito, por primeira vez, os cidadáns galegos residentes no exterior posuirán garantías da efectividade de novos dereitos, como o de recibir, dende a comunidade autónoma, unha axuda asistencial en caso de vulnerabilidade ou necesidade por carecer de renda.
A futura lei contemplará por primeira vez a regulación do patrimonio galego no exterior, articulando a protección do mesmo por parte da administración autonómica e por parte dos centros galegos. A Xunta velará pola conservación do patrimonio da colectividade galega no exterior así como polo mantemento da memoria histórica dos galegos e galegas na emigración mediante as seguinte accións: catálogo e inventario do patrimonio, especialmente nas comunidades e centros galegos; posta en valor do legado da emigración coa declaración de patrimonio da galeguidade a aqueles centros que conten con máis de cen anos; e difusión e posta en valor do patrimonio material e inmaterial coa creación dunha rede virtual e con accións de recoñecemento.

Sobre o Autor