Manuel Luís Rodríguez destaca a importancia do cine como instrumento.

O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, ponderou a importancia que hoxe posúe o cine como instrumento para sensibilizar á cidadanía ante ás situacións de inxustiza e desigualdade que a cotío provocan os movementos migratorios. Rodríguez, que participou na presentación do ciclo Cine e Emigración do Festival de Cine Internacional de Ourense, sinalou que o cine é unha valiosa ferramenta de denuncia, testemuña, posta en valor e en definitiva de tratamento das múltiples perspectivas que ten o fenómeno da inmigración. A través do cine podemos descubrir os problemas e inquietudes dos estranxeiros desde o momento en que a través dunha historia persoal se está visualizando a situación dun colectivo, dixo o secretario xeral.

Este ano a sección paralela Cine e emigración conta cun amplo repertorio de temática principalmente inmigrante e cun predominio de produción española. Feito que non é en vano, porque na medida en que o fenómeno da inmigración é un fenómeno en evolución, complexo e con repercusións cada vez máis amplas na sociedade española, a través das vilas e cidades, tamén gaña presenza destacada no cine.
O responsable de Emigración do Goberno galego destacou que quince anos atrás ter en carteleira unha cinta que abordaba o fenómeno inmigratorio a través de historias humanas concretas resultaba todo un acontecemento; hoxe as causas e as consecuencias dos movementos migratorios forman parte común dos guións. A incidencia social da inmigración estalou nos últimos anos nas sociedades desenvolvidas e converte, por tanto en habitual, o tratamento deste fenómeno a través do cine.

Rodríguez significou a importancia que se lle vén dedicando dende a Secretaría Xeral de Emigración ao sector audiovisual como elemento de contacto cun amplo espectro da sociedade e neste caso cos galegos e galegas residentes no exterior. Asemade, reafirmou o compromiso de que seguiremos a apoiar as xornadas de cine galego que realizan varios centros e comunidades galegas no exterior. No caso da inmigración, seguiremos a primar o sector audiovisual como canle preferente de concienciación e sensibilización da poboación de acollida.

Sobre o Autor